Historia
En Febreiro de 2023 ten lugar o terremoto de Turquía. Un grupo de bombeiros de Ferrol fomos requiridos pola unidade canina de rescate CASAGA para colaborar nas tarefas de salvamento. A pesar da magnitude do suceso e de que era a nosa primeira experiencia neste tipo de catástrofe, decatámonos de que a nosa formación e experiencia profesional nos brindaba a posibilidade de ofrecer unha axuda moi necesaria nesa situación, pese aos escasos recursos cos que contabamos.
A tardanza en chegar (4 días despois do terremoto) xéranos a sensación de que poderíamos ter feito moito máis por aquela xente que, pese á traxedia nas que estaban inmersos, nos brindou unha calidez e agradecemento do que non críamos ser totalmente merecedores. Naquel momento comeza a conformarse a idea desta asociación: contar cun grupo con recursos axeitados, capaz de dar unha resposta rápida e conformado por profesionais que poidan cumprir os estándares internacionalmente establecidos para o rescate neste tipo de catástrofes. Todo cunha única finalidade: salvar vidas e axudar a paliar o sufrimento das persoas afectadas.
Unha vez tomada a decisión de emprender este camiño, comezan a poñerse en contacto con nós bombeiros, persoal sanitario e dos corpos de seguridade de diferentes partes de Galicia para ofrecerse a tomar parte neste difícil e apaixonante camiño.
O resto, agardamos, será historia.
Declaración de Principios
A asociación de Busca e Rescate Integral en Emerxencias de Galicia (BRIEGAL) é unha organización sen ánimo de lucro especializada na actuación ante emerxencias de carácter catastrófico. Está constituída por profesionais de diferentes servizos de bombeiros, que acatan a seguinte declaración de intencións:
- BRIEGAL declárase unha organización autónoma rexida polos principios fundamentais de axuda humanitaria -neutralidade, independencia, humanidade e imparcialidade- que busca acadar seus fins sen interferencias de gobernos, empresas, asociacións políticas ou relixiosas, sindicatos ou grupos de poder.
- BRIEGAL declárase apolítica e aconfesional, respectando calquera tipo de crenza relixiosa, ideolóxica ou política.
- BRIEGAL ten carácter internacional e prestará a súa axuda baseándose en criterios obxectivos, e sempre deberá ser requirida ou aceptada pola poboación, non existindo por parte dos membros de BRIEGAL interferencia nos asuntos locais.
- Os membros de BRIEGAL respectarán en todo momento os costumes, cultura e medio ambiente da zona na que se atopen traballando.
- BRIEGAL nunca prestará axuda para causas con fins bélicos nin que atenten contra o medio ambiente ou a dignidade das persoas.
- Os membros de BRIEGAL actúan de maneira anónima e voluntaria, sen buscar protagonismo na súa acción nin beneficios económicos ou profesionais.
- Todos os recursos materiais e económicos de BRIEGAL serán destinados ós fins para os que foi creada.